domingo, 7 de febrero de 2010

Moito máis que unha viñoteca

Fai anos descubrín un local na Avenida Calvo Sotelo da Coruña que asemellaba dende fora unha viñoteca máis. Tratábase do Kata9 e a primeira vez que comín alí tiven unha experiencia difícil de esquecer. Despóis dun día cheo de paparotas non puiden rematar o segundo prato na cea, un esquisito carpaccio de polvo. Jose, o cociñeiro, cando chegou o prato á cociña non quixo cobrarmo a pesar de xurarlle que o deixara por enchenta e non por gusto.

Este sábado sabadete volvín despóis de moito tempo a cear para celebrar os estupendos 43 anos de Esther. A decoración, a amabilidade de Vanesa, e o ambente acolledor seguían sendo os mesmos. Pedimos raviolis recheos de pato de primeiro e lomo baixo para Esther e bacallao confitado para min de segundo. Todos os pratos tiñan unha presentación moi coidada, con aromas mediterráneos e árabes que lles daban un toque diferente

Mención aparte merece o viño. Como viñoteca que é, o Kata9 dispón dunha cuidada selección de viños, tanto nacionais como estranxeiros. Agradécese que o Rioxa non acapare a carta, como pasa en moitos sitios, unha queixa que sempre está nos beizos de Xaquín. Queríamos probar un viño chileno, e deixámonos aconsellar por Vanesa. O resultado foi un Viu Manent reserva de Cabernet Sauvignon. Soberbio é pouco decir.

Despóis dun sorbete de mandarina para baixar a cea e uns cafés pedimos a conta. 76 pavos en total. Ben os merecían.

viernes, 5 de febrero de 2010

Laconada con Lugrís

Non podíamos empezar este blog de mellor xeito que falando da nosa experiencia, case relixiosa, no restaurante La Bottega. Atópase na zona de viños e parrandas da Coruña, na rúa Olmos, a un paso dos Cantóns e do Obelisco, santo e seña do coruñesismo militante.

La Bottega recolleu a testemuña do seu antecesor Fornos, un restaurante de aqueles de-toda-a-vida, aínda que ten un público moi distinto. A carta, chea de ensaladas e pastas, atrae a traballadores dos comercios de moda, parellas de feito e de posibles, rapazada entrada nos trinta e larpeiros coma nós.

Na entrada, un ambente romántico con lampadas de pé nas mesiñas, unha acollida amable e despois... ó noso carón contemplamos apampados un mural que parece de Urbano Lugrís, famoso pintor surrealista coruñes (1908-1973). Logo de ter examinado a fermosa pintura comprobamos que é auténtica, e que está alí, na zona de fumadores do restaurante, manda carallo!!

Pasando ó que é a paparota en si mesma, e despois de ler a carta que asemellaba o códice calixtino, decantámonos, como case sempre, polo menú, aínda que esta vez non tiñamos outra, había laconada. Tras uns minutos de silencio cómplice, quedamos en que o lacón, os grelos e a media pataca estaban esquisitos, aínda que sobraban os garavanzos, como comprobaría máis adiante nas miñas propias carnes.

Todo foi por 15 euros por barba. Como dixo McArthur, volveremos!